Argumento de A Corpo Aberto
A corpo aberto de Manuel Rivas é unha viaxe de xornalismo Indie. Independente, libre, irónica, crítica e de fábrica literaria. A primeira das viaxes describe o lugar imaxinario onde, tras a perda do poder en 2004, se decidiu instalar a España conservadora: o Estado de Apocalipse Permanente. Como no Ciprianillo, o popular libro dos tesouros ocultos, o lector non debe ler senón desler, do presente ao pasado, ao xeito do arqueólogo que se interna na caverna da España do Último Día. A segunda trata da amnesia retrógada, unha viaxe contra o esquecemento e unha denuncia do complexo de Creonte no que aínda se manteñen as elites máis influentes da dereita española. Na terceira, A revolución do mar, cóntanse, entre outras, dúas loitas que contribuíron a modificar a nosa conciencia medioambiental: a expedición do Xurelo á Fosa Atlántica e o thriller do caso Prestige. E, por último, na cuarta, As Reexistencias, unha sorte de historias naturais escritas cunha respiración alternativa, entre dor e humor. En todo caso, o propósito deste libro responde á idea que enunciou con encarnizada precisión Rodolfo Walsh: escribir é un avance laborioso contra a estupidez.0